Sunday 05 de May de 2024

O Concello adxudica por 91.000 euros a construción dos novos vestiarios do campo de fútbol de Buño


• O proxecto inclúese dentro do plan POS+ Adicional 2020 da Deputación da Coruña.

• Os traballos teñen un prazo de execución de tres meses desde o inicio das obras.

O Concello de Malpica acaba de adxudicar por un importe de 91.605,47 euros a construción dos novos vestiarios do campo de fútbol de Buño.

O proxecto inclúese dentro do plan POS+ Adicional 2020 da Deputación da Coruña. Segundo explicou o goberno local, “a actuación servirá para dotar a infraestrutura dun novo espazo e mellorar a calidade das instalacións tanto para os xogadores como para os propios árbitros”.

Os traballos inclúen a construción dun edificio anexo ao campo de fútbol. A cuberta será de panel tipo ‘sandwich’ de imitación á tella curva, cunha fachada con muro de bloque cerámico recebado. O teito interior comporase de pranchas pladur.

Deste xeito, a nova edificación contará cunha estancia dedicada a vestiarios para xogadores e outra para os colexiados. No primeiro caso dispoñeranse bancos de madeira con respaldo e faldón superior. O vestiario de árbitros estará dotado cunha mesa e unha cadeira para facilitar as súas tarefas. Á súa vez, ambas estancias contarán con baños propios.

As obras contan cun prazo de execución de tres meses unha vez comezada a actuación.